Saturday 18 de May de 2024

A primeira edición de “De tapas por galicia”, promovida por Turismo de Galicia, contou coa participación de máis de 300 bares e restaurantes


Esta iniciativa para promocionar conxuntamente ao longo do outono esta actividade gastronómica das sete cidades principais de Galicia serviu preto de 500 clases de tapas distintas

A primeira edición de De tapas por Galicia promovida por Turismo de Galicia para promocionar conxuntamente os certames de tapas das sete principais cidades galegas ao longo do outono contou coa participación de máis de 300 bares e restaurantes que ofreceron 470 clases distintas de tapas.

Os certames de tapas incluídos no programa “De tapas por Galicia” foron, na Coruña “Concurso de tapas Picadillo”, celebrado en setembro; en Lugo, “Concurso de tapas de Lugo”, celebrado en setembro; en Vigo, “Concurso de tapas Vigo Vello”, celebrado entre os meses de outubro en novembro; en Ourense, “Concurso de pinchos de outono sabores de Ourense”, celebrado na segunda quincena de novembro; en Santiago, “Santiago (é) tapas”, tamén na segunda quincena de novembro; en Pontevedra, “Pontedetapas”, que se celebrou a finais de novembro e a primeira semana de decembro, e en Ferrol, “Tapéate Ferrol”, que se celebrou a primeira semana de decembro.

Para a promoción e difusión desta iniciativa Turismo de Galicia celebrou dúas presentacións dos certames da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, na capital de España, Madrid, o día 22 de setembro; e dos concursos de Ferrol, Pontevedra, e Santiago, o día 23 de setembro en Barcelona que contaron coa participación dos cociñeiros dos restaurantes gañadores da edición pasada dos certames de cada cidade.

Ademais, entre outras accións de difusión, Turismo de Galicia editou un folleto que incluíu toda a información dos sete concursos de tapas organizados entre os meses de setembro e decembro, que difundiu nas oficinas de Turismo, certames turísticos e outros puntos de promoción.

Concurso de fotografía “De Tapas por Galicia”
Así mesmo, Turismo de Galicia celebrou un concurso de fotografía “De tapas por Galicia” na rede social Facebook e na web deste departamento da Xunta de Galicia que contou coa participación de 12.676 participantes que votaron ás fotos subidas á Internet dos distintos petiscos creados polos establecementos participantes en cada unha das sete rutas.

Polo que respecta ao alcance da campaña na Internet, cabe salientar que a través de Facebook Turismo de Galicia alcanzou a 130.769 persoas de toda España e que na web de Turismo de Galicia interactuaron 1.288 usuarios únicos.

As bases deste concurso establecían sete fotografías gañadoras atendendo ao número de votos que recibisen dos usuarios de Facebook a través da conta de Turismo de Galicia.

Así, deste xeito na cidade da Coruña gañou a foto da tapa Pancake de polbo e queixo de Arzúa, do local Central Park. Na cidade de Ferrol, a fotografía gañadora foi a da tapa Bocadito de mar, do establecemento Boss. En Lugo gañou a foto da tapa Capricho de Rape, do bar A Nosa Terra. Na cidade de Ourense, a foto elixida polos internautas foi a da tapa Trisquel, de Tapa Negra. En Pontevedra, gañou a fotografía da tapa Mesturas, de Cervecería PTV. En Santiago de Compostela, a fotografía que gañou foi a da tapa Huevo revuelto, o restaurante Manso, e en Vigo, a imaxe gañadora foi a da tapa Isto non é bacallau con pisto!, do local Tapería Stefany.

Os sete gañadores recibirán como premio unha estancia nun establecemento hoteleiro de da cidade na que competiron máis un xantar ou unha cea, tamén para dúas persoas, nun restaurante con estrela Michelin ou sol Repsol.